Sunday 28 de April de 2024

Abegondo destina 55.000 euros ás súas bolsas de estudo dirixidas a todas as etapas educativas


O prazo de solicitude estará aberto ata o 9 de novembro.

O Concello volve lanzar a súa convocatoria de bolsas de estudo para o curso 2023/2024. Trátase dun programa de axudas coas que se busca sufragar parte dos gastos derivados do acceso educativo. O alcalde, José Antonio Santiso, incide na importancia destas subvencións, “esenciais para axudar ás familias cubrindo vos gastos de desprazamentos e escolarización”. En total, dedicaranse 55.000 euros, 30.000 para desprazamentos con fin escolar e 25.000 para escolarización.

As axudas do Concello de Abegondo diríxense a todas as etapas educativas. En infantil, primaria e secundaria articúlanse como acceso ao ensino, podendo dedicarse á compra de material. E na etapa de bacharelato, universidade, ciclos formativos e demais ensinos medios con carácter postobligatorio, a contía articúlase para axuda ao desprazamento.

O prazo de solicitude estará aberto ata o 9 de novembro. Os impresos das bolsas de estudo están dispoñibles na páxina web municipal e poden presentarse a través da sede electrónica ou no rexistro municipal. No caso das axudas para estudos universitarios, a tramitación poderá realizarse, exclusivamente, de forma telemática. As persoas que necesiten asistencia para cubrir o formulario poderán acudir ao departamento de Educación e Cultura de Abegondo.

Banco de libros

Ademais desta convocatoria de bolsas escolares, o Concello manterá o banco de libros, en conxunto coas asociacións de nais e pais do CEIP San Marcos e do IES de Viós. O goberno local destina fondos para que o alumnado, cunha pequena achega, teña acceso aos libros.